TESAURIA
Tesouro documental auriense na Idade Media

TESAURIA | Tesouro documental auriense na Idade Media

O proxecto TESAURIA enmárcase dentro dunha iniciativa máis ampla de recuperación do patrimonio histórico e cultural galego que, neste caso, centrará os seus esforzos na edición e estudo do patrimonio documental producido polas institucións medievais aurienses. Na súa primeira fase, o principal foco de interese pasa por recuperar, editar, estudar e divulgar o patrimonio documental e a historia dos cinco mosteiros femininos pertencentes á Orde de San Bieito localizados na provincia ourensá. Referímonos especificamente a San Salvador de Sobrado de Trives (A Pobra de Trives), San Miguel de Bóveda (Amoeiro), San Pedro de Lobás (O Carballiño), Santa Mariña de Asadur (Maceda) e San Pedro de Ramirás (Ramirás). Alén dos esforzos realizados por outras investigacións, máis restrinxidas ou con obxectivos máis específicos, a vontade de TESAURIA é abordar unha análise integral da historia e da documentación de todos e cada un destes mosteiros para ofrecer tanto á comunidade científica como á sociedade xeral —e moi especialmente á das contornas rurais nas que se asentaban estes mosteiros— ferramentas, datos e documentos cos que coñecer o pasado destas institucións e das mulleres que as habitaron e señorearon. Velaí unha pequena presentación dos mosteiros bieitos femininos en Ourense cos cales traballamos nesta primeira fase de investigación:

  • San Salvador de Sobrado de Trives: este mosteiro, cuxas orixes se sitúan nos séculos X e XI, documéntase xa propiamente como institución monástica feminina desde o século XII até comezos do século XVI. A abundante documentación conservada permite coñecer o importante dominio territorial e señorial que controlaban as súas abadesas, procedentes en boa medida da aristocracia local, e cuxo protagonismo social e económico no Ourense oriental foi sumamente destacado, como tamén a resistencia das súas abadesas ao proceso de disolución da comunidade, o que deu lugar situacións de violencia e preitos nos que participaron activamente as relixiosas de Trives.

  • San Miguel de Bóveda: xorde como comunidade feminina pola fundación dun matrimonio en 1168. Sobreviviu até o século XV, aínda que non chegou á Reforma monástica iniciada polos Reis Católicos, que supuxo a supresión de todos os mosteiros femininos para concentrar as relixiosas en San Paio de Antealtares. A desaparición de Bóveda partiu da iniciativa do abade de San Clodio do Ribeiro en 1446, quen criticaba a mala xestión e a vida disoluta da única monxa que o habitaba.

  • San Pedro de Lobás: está documentado desde finais do século XII até finais do XV, momento no cal o proceso da reforma observante permite coñecer outro exemplo de abadesas contrarias á desaparición das súas institucións como entidades independentes, desexando manterse nas pequenas comunidades que lideraban.

  • Santa Mariña de Asadur: foi un pequeno mosteiro documentado entre o século X e século XIV. En 1375 xa desaparecera e os seus dominios pasaron aos párrocos de Asadur. É bo exemplo das institucións femininas de máis reducidas dimensións que adoitan ser esquecidas nas principais sínteses históricas.

  • San Pedro de Ramirás: documéntase este mosteiro desde o ano 1021 até a súa desaparición coa reforma observante de finais do século XV. É o mosteiro feminino galego cun maior volume de documentación, a través da cal é posible reconstruír algunhas das súas particularidades como o feito de que as súas abadesas son as únicas en recibir o título específico de onas. Tras o esplendor que experimentou no século XIII, constituíndose como un dos mosteiros femininos máis importantes de Galicia, no XIV derivou nunha profunda crise a pesar dos esforzos das relixiosas por seguir xestionando os seus bens.

Os valiosos fondos documentais destes cinco mosteiros consérvanse espallados en diferentes arquivos galegos, mais tamén de fóra de Galicia, principalmente:

    • Arquivo de San Paio de Antealtares (Santiago de Compostela)
    • Arquivo da Catedral de Ourense
    • Arquivo Histórico Provincial de Ourense
    • Arquivo do Reino de Galicia (A Coruña)
    • Arquivo da Fundación Penzol (Vigo)
    • Arquivo Histórico Universitario de Santiago
    • Arquivo da Catedral de Lugo
    • Arquivo do Museo de Pontevedra
    • Archivo Histórico Nacional (Madrid)

Localización dos mosteiros bieitos seleccionados para o desenvolvemento da primeira fase de TESAURIA (apud Francisco Javier Pérez Rodríguez (2019): Los monasterios del reino de Galicia entre 1075 y 1570: de la reforma gregoriana a la observante. Santiago de Compostela: Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento; Editorial CSIC, vol. 1, p. 177)

 

Ao mesmo tempo, e conforme se desenvolven as tarefas de investigación dos diferentes membros do proxecto, tamén se irán integrando no corpus outros instrumentos relacionados coa produción documental do territorio ourensán até comezos do século XVI, incluíndo documentación monástica, catedralicia etc.

 

Como citar

García-Fernández, Miguel / Pichel, Ricardo (dirs.) (2022-): TESAURIA. Tesouro documental auriense na Idade Media. Santiago de Compostela: Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, CSIC-Xunta de Galicia / Instituto da Lingua Galega, Universidade de Santiago de Compostela / Universidad de Alcalá / Universidad Nacional de Educación a Distancia, <https://corpora.uah.es/tesauria/> [data de acceso].

Arquivo de San Paio de Antealtares, Pergamiños, Caixón 4, Mazo 2-A, nº 27 (San Salvador de Sobrado de Trives, 1287/12/15)