PT | GA | ES | EN

GALLÆCIÆ SCRIPTORES | Edición dixital dos repertorios notariais da Galicia medieval

O desenvolvemento e consolidación do notariado durante o período baixomedieval, e máis concretamente, desde o século XIII, deu lugar a un importante patrimonio documental do que só chegou até os nosos días unha pequena parte. Porén, o conxunto de escrituras que conforman a documentación notarial galega –na cal están presentes realidades documentais diferentes, como ten sinalado moi acertadamente Mercedes Vázquez Bertomeu (2014)– constitúe un dos piares fundamentais sobre os que asentar a reconstrución do noso pasado medieval, entendido este en toda a súa complexidade social, económica, política e cultural. Neste contexto, xunto aos instrumenta ou escrituras outorgadas en pública forma que se recollen no EGPA e en distintos subproxectos aquí reunidos, cómpre destacar a importancia de localizar, transcribir e editar na súa integridade os libros de notas ou rexistros de notarios que conservamos para o reino medieval de Galiza durante os séculos XIV e XV. Estes documentos, que carecen ou presentan menos formalidades que as escrituras notariais outorgadas con plena validez legal, permiten coñecer determinadas oficinas notariais, nas que, de feito, poden intervir varias persoas. Ademais, os seus contidos tenden a reflectir unha diversidade de actos xurídicos que constitúen unha boa mostra da complexidade e heteroxeneidade da sociedade medieval galega. Xunto aos ben coñecidos libros de notarios que custodian os arquivos aurienses, cómpre destacar que tamén conservamos outros relativos a outras áreas xeográficas de Galiza. Así, en 1999 Fernando R. Tato Plaza deu a lume o Libro de notas de Álvaro Pérez, notario da terra de Rianxo e Postmarcos (1457), obra que, por outra parte, puxo de manifesto o interese non só histórico senón tamén filolóxico de editar este tipo de fontes. Dando continuidade, polo tanto, a estes obxectivos de edición documental dos libros de notas ou rexistros dos notarios medievais galegos, GALLAECIAE SCRIPTORES ten por obxectivo principal, nunha primeira fase, a multiedición do rexistro de escrituras do notario Vasco Gómez Varela (1448-1461), cuxa conservación en mans particulares tamén serve de chamada de atención sobre o útil que pode resultar a colaboración entre os investigadores e os propietarios particulares do noso patrimonio documental, sempre co obxectivo de ofrecer ao conxunto da sociedade galega o legado textual e informativo que nos permitirá reconstruír con máis seguridade a nosa historia.

Equipo de traballo

Como citar

Bibliografía citada

 

  Accede ao corpus textual de GalScript-VGV