CORTESGAL | Corpus testamentario de Galicia

O Corpus testamentario de Galicia (CORTESGAL) é un corpus documental conformado tanto por documentos testamentarios xa coñecidos e previamente editados, como por novas pezas documentais inéditas, ofrecendo en ambos casos transcricións homoxeneizadas de acordo co estándar de multiedición dixital do EGPA. Ademais, xunto aos testamentos propiamente ditos, téñense en conta documentos afíns á práctica testamentaria, caso de codicilos, mandas ou  disposicións mortis causa, entre outros. Trátase dun corpus de acceso aberto, en continuo arrequentamento conforme avancen as investigación, de natureza colaborativa e con diversas posibilidades de procura, de tal modo que aspira a converterse nun recurso dixital útil para os estudos históricos, documentais, filolóxicos, lingüísticos etc.

Este proxecto parte das investigación desenvolvidas desde hai anos por Miguel García-Fernández sobre a práctica testamentaria da Galicia dos séculos XII ao XV, especialmente desde a perspectiva de xénero. Ademais, a conformación dun modelo testamentario, máis ou menos definido e homoxéneo, durante o período medieval e a utilidade histórica e filolóxica deste tipo de fontes documentais levan a formularnos as vantaxes de conformar o CORTESGAL –privilexiando a cronoloxía anterior a 1700, cando menos nunha primeira fase e posteriormente até 1900– como experiencia inicial para a posterior realización –con vistas a abordarmos estudos comparados nun nivel xeográfico máis amplo– dun Corpus testamentario da Europa medieval (CORTESEUM).

Para alén de estudos léxicos de grande interese filolóxico, a riqueza deste tipo de fontes permite abordar un conxunto de temáticas históricas sumamente amplo: desde cuestión referidas á relixiosidade e ás actitudes ante a morte –talvez os aspectos máis traballados a partir dos testamentos a nivel europeo, mais sen que existan amplos estudos comparados e obras de síntese a partir deles–, a outros aspectos máis sociais –redes de relación– e económico-patrimoniais, sen esquecer as cuestións de xénero ou sobre a cultura material e os niveis de vida.

Así mesmo, o CORTESGAL está estreitamente vinculado á conformación do Corpus funerario de Galicia (CORFUGAL), proxecto que ofrecerá un rexistro o máis completo posíbel dos monumentos funerarios conservados en Galicia, así como das referencias documentais a enterramentos existentes ou daqueles outros que foron escollidos no marco da práctica testamentaria galega anterior a 1700, cando menos nunha primeira fase. Preténdese, por tanto, ofrecer un recurso aberto, colaborativo e de consulta para facilitar a realización de estudos diversos e interdisciplinares sobre as prácticas funerarias, a epigrafía e o patrimonio monumental en contextos funerarios, a conservación da memoria etc.

Equipo de traballo

Como citar

García-Fernández, Miguel (dir.) (2020-): Corpus testamentario de Galicia. Santiago de Compostela: Instituto da Lingua Galega, Universidade de Santiago de Compostela.

Bibliografía asociada ao proxecto