Main Menu Powered by <TEI:TOK> |
CORREGAM | Corpus rexio e rexinal da Galicia medievalO Corpus rexio e rexinal da Galicia medieval (CORREGAM) é un proxecto interdisciplinar que aspira editar a totalidade da documentación rexia e rexinal referente a Galicia desde o século VIII até o falecemento de Isabel I (1504), tanto inédita como xa previamente editada, ofrecendo en ambos os casos transcricións propias homoxeneizadas de acordo co estándar de multiedición dixital do EGPA. O estudo do reino medieval de Galicia e da comunicación política entre as súas xentes e institucións, así como os diferentes reis e raíñas que o gobernaron durante o período medieval –tanto in situ como desde a distancia– esixe a análise do amplo número de documentos rexios que foron expedidos polas chancelarías rexias (e en menor medida rexinais) en relación con Galicia. Neste sentido, xunto aos esforzos realizados por diversos autores para catalogar a documentación rexia de Galicia –caso de Manuel-Rubén García Álvarez, Luis Sánchez Belda ou Francisco Javier Pérez Rodríguez– ou para editar estes documentos –como no caso de Manuel Recuero et alii respecto da documentación da raíña Urraca, Afonso VII ou Fernando II–, o obxectivo principal do CORREGAM é conformar un corpus documental colaborativo, con diversas posibilidades de procura, que conforme un recurso dixital útil para os estudos históricos, documentais, filolóxicos, lingüísticos etc., ao posibilitar o acceso, lectura e estudo da documentación real referente a Galicia. Nunha primeira fase, outorgarase prioridade á edición da documentación baixomedieval, fundamentalmente entre 1230 e 1504, por ser un período histórico no que se teñen estudado menos as relacións entre o reino e a Monarquía ante as reiteradas ausencias e a distancia física que separou os monarcas do reino galego. Parece oportuno, pois, ver até que punto a documentación rexia permitiu manter unha relación fluída a través da escrita entre El-Rei e a raíña e o Reino. Esta iniciativa xorde da colaboración entre os proxectos Munarqas, particularmente do subproxecto “Espacios femeninos cortesanos”, dirixido por Diana Pelaz Flores (Universidade de Santiago de Compostela), “HERES. Patrimonio textual ibérico y novohispano. Recuperación y memoria”, dirixido por Ricardo Pichel (Universidad de Alcalá), e "PTGM. Patrimonio textual na Galicia medieval: prosa documental e literaria”, coordinado por Xavier Varela Barreiro (Instituto da Lingua Galega, USC). Deste modo, CORREGAM aspira a integrar nova comunidade investigadora co obxectivo de conformar e arrequentar un corpus de especial utilidade para o estudo da historia política, social, económica e cultural de Galicia e, tamén, do conxunto Ibérico, xa que pretende incluír tamén a documentación rexia portuguesa referida a institucións galegas como o mosteiro de Santa María de Oia. Equipo investigador:
Como citar: García-Fernández, Miguel / Pelaz Flores, Diana / Pichel, Ricardo (coords.) (2022-): Corpus rexio e rexinal da Galicia medieval. Santiago de Compostela: Universidade de Santiago de Compostela. Bibliografía asociada ao proxecto CORREGAM:
|